Inauguración de Panxea e próximo traslado de O Peto

O pasado venres, tivo lugar a festa da inauguración da nova tenda e local social de Panxea en Compostela. Tivemos unha degustación de productos de Comercio Xusto e unha fantástica actuación do Coro da Rá.

Algúns dos socios e socias de O Peto estivemos alí partillando este momento de ledicia e mirando o noso novo local de reunións e xuntanzas, en principio o día 15 faremos o traslado definitivo desde o CTC (Centro de Traballo e Cultura) ao novo local de Panxea.

Estes cinco anos de reunións e traballo compartido no local do CTC foi valiosísimo para todas nós, só podemos agradecer a cesión gratuita e os bos impulsos dados para que a nosa asociación se afianzara e medrara como fixo. Quixeramos agradecer fondamente a todas as persoas do Centro de Traballo e Cultura de Santiago o brinde xeneroso que nos fixeron así como garantir a nosa colaboración con todas as iniciativas que saian dalí e precisen o máis mínimo de nós.